Terras de buzos e naufraxios

Manuel Tajes, O Rubio de Camelle

Manuel Tajes, O Rubio de Camelle

Terra de piratas, lugar de atraso económico e social onde as xentes se adicaban a saquear. Esa foi a idea que durante tantos anos tiveron os estranxeiros das terras da actual Costa da Morte. O gran número de naufraxios ocorridos ao longo do século XIX fixo que os mariñeiros ingleses temeran á costa atlántica galega. Falaban de mitos que aseguraban que os locais provocaban desastres marítimos para abastecerse, mais co tempo todo isto quedou no que era, lendas.

Tan distinta era a realidade que son os mesmos veciños da Costa da Morte os que arriscan as súas vidas para rescatar os corpos dos que perecían nas traxedias e axudaban aos superviventes dos naufraxios, aos que alimentaban e vestían con gran humanidade, como ben recollen os testemuños dalgún dos que viviu para contalo.

Terra de mariñeiros. Os habitantes da nosa contorna foron e son os maiores entendedores do litoral. Coñecen os cabos, petóns e baixos, as correntes e temporais coma ninguén. Son moitos os mariñeiros, mariscadores, ranas e buzos os que participaron nas labores de rescate de naufraxios nas costas desta pequena parte do atlántico.


Manuel Tajes, O Rubio de Camelle

Manuel Tajes, máis coñecido como O Rubio de Camelle, nace en 1952 na vila do mesmo nome. Percebeiro de profesión e rana case de nacemento. Este home alegre, predisposto e espontáneo é un dos moitos entendidos da Costa da Morte e vivo exemplo da gran humanidade e labor da veciñanza nas labores de salvamento.

Provén dunha familia humilde de tradición mariñeira, na que xa o seu avó foi un experimentado buzo. De aí vén a súa paixón e entrega e, como xa explica nalgunha das súas moitas entrevistas, foi a morte do seu avó o que fixo que dende ben pequeno marcase o seu destino como home de mar. “O meu avó morreu no ano 29 mentres recollía chatarra dun pecio chamado Trivideri. Levaba o traxe de buzo e tras unha manobra quedou atrapado no fondo do mar. Foi outro buzo o que rescatou o seu corpo, por eso a nosa avoa sempre nos dixo aos netos que debíamos prestar auxilio a calquera que o necesitase, que a el tamén lla prestaron” cóntanos Manuel.

Coñecía o mar coma a palma da súa man debido ao seu traballo. Como rana recollía percebes do fondo do mar. “Eu era furtivo, así o digo. Era ilegal si, pero non era ilegal que os meus oito fillos comeran e vestiran, eles tiñan que vivir. Eu non trouxen o mar pa terra ao lombo porque non puiden, se non traíao”.

Durante todo o seu tempo en activo prestou auxilio en máis de cen catástrofes e recuperou preto corenta corpos. “Se non me chamaban ía eu, porque xa levaba na mente o do meu avó. Outras veces eran as autoridades as que me chamaban cando non encontraban a alguén. Eu sempre me prestaba”. Conta que non foi o único, eran moitos os buzos da zona que se involucraban nestas labores. “Non era eu só, había moitos buzos moi bos, que participaron moito, só que eu participei máis, os outros tamén se adicaban a outras cousas”.

Colaboraba cos buzos da Garda Civil, para os que só ten boas palabras, mais outras veces ía el só. “Os GEAS están preparados ao máximo, moito máis do que estábamos nós, pero claro, cada un coñece a súa casa. Ti na túa entras cos ollos pechados”. Esta é, segundo nos conta, a clave do seu éxito como rescatador, a gran experiencia sucando as augas do seu fogar.

Foron moitos os rescates nos que participou, tantos que non lembra o número exacto. Accidentes de pesca ou afundimentos e naufraxios, entre os que lembramos algún próximo ás nosas costas: O naufraxio do pesqueiro Os Tonechos, o La Xana e O Panchito.


Naufraxio do pesqueiro Os Tonechos

O pesqueiro Os Tonechos era un barco de Malpica de 18 metros de eslora e recente construción. Non se sabe a causa exacta do afundimento, pois as condicións climáticas ese día de outubro de 1991 eran favorables. Crese que puido chocar nalgún dos numerosos baixos do lugar aínda que isto tamén estrañou ás autoridades debido á gran experiencia e coñecemento da zona que tiña o patrón do barco. Naqueles tempos non todos os buques contaban coas últimas tecnoloxías como é o caso, pois a nave non tiña radio-baliza que avisase en caso de naufraxio.

Caso tráxico posto que, como conta Manuel, foi imposible recuperar a ningún.

Naufraxio do La Xana

O La Xana era un pesqueiro de Muros con oito tripulantes a bordo. O 8 de outubro de 1991 navegaba polas bravas augas da Costa da Morte cando un temporal azouta con forza chegando a Touriñán. O patrón decide refuxiarse no porto de Muxía, mais chegando á Punta da Barca toca nun dos baixos, coñecido como Moador, e embarranca nas pedras do lugar. Tres dos tripulantes conseguiron salvarse ao ser arrastrados polas fortes ondas cara terra. Faleceron cinco mariñeiros e un dos corpos nunca foi atopado.

Imaxe da Voz de Galicia

Imaxe da Voz de Galicia

O Panchito

Embarcación laxense de 16 metros de eslora e 19 toneladas. Naufragou mentres faenaba en marzo do 2000 na Ensenada de Cuño, próxima a Touriñán. A pesar de que certamente había un pouco de temporal, con fortes ventos e ondas de 3 metros, a investigación apunta a que a causa do naufraxio foi o choque nun dos baixos deste enclave. Ata alí trasladáronse mariñeiros de Laxe e outros voluntarios da contorna, entre eles O Rubio, para colaborar nas labores de rescate. Faleceron cinco mariñeiros e un dos corpos nunca apareceu.

Manuel Tajes, O Rubio, recibiu no 2002 , xunto cos seus irmáns, a Medalla de Ouro do concello de Camariñas polas súas labores humanitarias.

Agradecementos

Manuel Tajes, O Rubio
Mónica Carballo Sar
Victoria Amigo Méndez
Sandra Pesqueira Pérez

Webgrafía

La Voz de Galicia. 2021.HACE 16 AÑOS | Homenaje a O Rubio de Camelle y a sus hermanos. [en liña] Dispoñible en: [Setembro 2021].

La Voz de Galicia. 2021.Hemeroteca: más de cien vecinos de Laxe van hasta Muxía para ayudar a buscar al quinto náufrago del Panchito. [en liña] Dispoñible en: [Setembro 2021].

La Voz de Galicia. 2021.El naufragio de La Xana en la punta da Barca, veintiséis años después. [en liña] Dispoñible en: [Setembro 2021].

Informática, K., 2021.La Xana, la historia de un naufragio que dejó huella en la memoria colectiva | Historia naval | Crónica Marítima | Noticias marítimas – Turismo Náutico – Historia Naval – Gastronomía. [en liña] Crónica Marítima. Dispoñible en: [Setembro 2021].

El País. 2021. [en liña ] Dispoñible en: [Setembro 2021].

Denise Sambad Guillomía
Alumna-Traballadora
Obradoiro dual de emprego “CAMIÑO AO EMPREGO”
Especialidade de promoción turística local e información ao visitante

banda de logos