In memoriam…Beti Donosti

DIS001I15

O 23 de Abril, día de festividade do patrón San Xurxo na vila de Camariñas, é tamén de sentimentos encontrados. Por unha banda, a alegría da festa, e pola outra o recordo e a nostalxia dunhas familias que ese mesmo día foron marcadas de por vida. No referido á navegación, días negros, xa que foron varias as traxedias ocorridas nestas datas e nesta vila, pero ningunha tan tráxica como a do ano 1991.

O pesqueiro, Beti Donosti, de madeira e 14 metros de eslora, adicado á pesca de palangre estaba matriculado en Donostia pero con porto base en Camariñas. Contaba cunha tripulación completamente nova e local, con idades comprendidas entre os 17 e os 49 anos: Javier Campaña Bermúdez armador e patrón, os mariñeiros Manuel Carril, Valdomar Evangelista Rego, Manuel Suárez, Domingo Tajes, e Juan José e Roberto Pensado (estes dous últimos irmáns) conformaban a tripulación. A fortuna fixo que, Dolores Caamaño Rodríguez, dona do patrón e unha mariñeira máis en todas as campañas, non embarcase ao verse na obriga de coller unha baixa laboral.

A tripulación do Beti Donosti partiu da vila camariñá ao redor do 30 de marzo para comezar como de costume a campaña facendo a última descarga no porto de Almería o día 23 de abril. Levaban navegando nesas augas xa uns tres anos, polo que as coñecían como as palmas das súas mans. As campañas, tiñan unha duración aproximada de entre 23 ou 25 xornadas, polo que os días restantes do mes trasladábanse á casa por terra para descansar e gozar das súas familias, deixando o buque no porto almeriense. O día 24, día posterior á descarga, e xa amainado o mal tempo, volveron saír ao mar, ese mar que tanto lles deu e todo lles quitou.

Dirixíronse rumbo á zona entre Cabo de Gata e o Cabo Sacratiff, onde habitualmente traballaban, ao redor dunhas 10 – 12 millas da costa. A noite do 24 de abril foi o último contacto coa familia, non houbo adeus. Sería a viúva do patrón a que daría a voz de alarma o 1 de maio ao amencer ao non conseguir contactar coa embarcación despois duns días de intentos fallidos.

A Mariña Mercante, nas noticias de prensa do momento, revelou que o afundimento puido acontecer a noite do 23 de abril despois da descarga, tras dunha arriscada manobra que implicaba un grave risco polas fortes correntes, mais fontes próximas á familia apuntan a que o accidente se produciu días despois xa que ese mesmo día permaneceron en porto por mor do mal tempo, non saíndo ata o día seguinte. Por outro lado, informantes locais din que a última vez que foi avistado foi a tarde do 29 nos arredores de Alborán mentres faenaba, o que fai caer, máis se cabe, a hipótese oficial.

Imaxe La Voz de Galicia  maio do 1991

Imaxe La Voz de Galicia maio do 1991

Tralo naufraxio, só se conseguiu recuperar o cadáver do patrón, Javier Campaña, cuxo corpo sen vida foi localizado a tarde do día 30 por unha embarcación nas proximidades do porto murciano de Águilas. A familia non tería constancia do seu achado até o 2 de maio xa que as autoridades locais non recibiran noticias do naufraxio. Ese mesmo día, foi identificado grazas á cadea que portaba co seu nome.

Posteriormente, a autopsia afirmaba que o óbito se producira esa mesma madrugada na que foi atopado, polo que con estes datos se confirma que o sinistro se produciu ese mesmo día e non os días anteriores. O resto da tripulación nunca chegou a aparecer, o que fai pensar que o tráxico suceso transcorreu nun breve espazo de tempo mentres os mariñeiros descansaban despois dunha dura xornada de traballo, quedando atrapados no interior do barco ao non contar con tempo para reaccionar. Foi o destino o que quixo que estes homes de estirpe mariñeira, criados no mar, descansasen tamén eternamente nel.

As causas

Como posibles causas do afundimento barállanse varias hipóteses tal e como recolle o xornal La Voz de Galicia de maio do 1991, no que sinala coma posibilidade unha abordaxe dun barco mercante xa que na zona é habitual este tipo de tránsito. Porén a versión oficial foi ben distinta atribuíndolle a unha vía de auga a orixe do sinistro.

En canto ao dispositivo de busca prolóngase durante semanas nun amplo radio de máis de 30 millas e en diversas direccións, intentando localizar o pesqueiro ou algún resto deste. Non foi até o tres de maio cando se atopa unha caixa de anzois que porta unha navalla do mariñeiro Roberto Pensado no seu interior, algunhas boias e flotadores, un bidón de aceite, dúas chaquetas e varias estachas.

No referido ao lugar onde puido producirse o naufraxio, todo apuntaba a que fora na zona bautizada polos mariñeiros locais como “O Canto de Almería”, a unhas catro millas ao sur de Cabo de Gata, con profundidades de máis de 300 metros e cun fondo cheo de simas e dificultades para rastrexalo.

Pasado case un mes da data da traxedia, embarcacións pesqueiras atoparían á deriva fragmentos da popa e varios mastros partidos, sendo un buque de arrastre andaluz o que agarraría nas súas redes – a once millas e uns 248 metros de profundidade – no Cabo de Gata un obxecto de grandes dimensións: Todo apuntaba que se trataba do Beti Donosti.
A falta de medios tecnolóxicos na época e a desidia das autoridades fixo que o reflote non fose posible, mais a loita das familias e a solidariedade dos mariñeiros conseguiron roubarlle a ponte de goberno da embarcación ao mar onde figuraba o nome do Beti. Verificaríase así o seu naufraxio xunto coas desaparicións do resto da tripulación, feito determinante para que as familias puideran acceder ás escasas prestacións dos seguros.

En terra

Os técnicos da delegación de Pesca foron os encargados de acudir á Coruña para realizar os trámites necesarios para que as viúvas e orfos puidesen cobrar. As primeiras recibirían unha cantidade de dous millóns de pesetas e os fillos menores de 21 anos, sempre que fosen estudantes, unhas duascentas mil.

Unha vez máis o mar daba sepultura a uns homes fortes e duros cuxa morte os sorprendeu a máis de 1000 km das súas terras, sen que as familias, puidesen ter un lugar onde levarlles flores mentres evocan os seus recordos. Momentos de incerteza para esas mulleres, nais e fillos nos que a mar lles acababa de arrebatar o seu ser máis prezado, convertendo eses días de festividade local no día máis negro do resto das súas vidas.

Alumno – Traballador
Paula Carril Rey
Obradoiro dual de emprego “CAMIÑO AO EMPREGO”
Especialidade de promoción turística local e información ao visitante
banda de logos