Camariñas, cando a realidade se dilúe na lenda
“Noutros tempos críase, e aínda hoxe crese, que aqueles lugares están malditos por Deus, e en verdade, que xamais a consella popular tivo máis razóns de vida que nesta ocasión en que todo parece indicar á alma atribulada, que unha maldición pesa sobre aquelas praias tan desertas, pero tamén tan poéticas e fermosas no medio da súa nudez”. La hija del mar, Rosalía de Castro.
A Costa da Morte foi historicamente considerada coma o confín do mundo, o “limiar do máis alá”. Esta denominación vén xa da man dos romanos que lle outorgaron a Fisterra a categoría da fin do mundo. E é que esta parte da costa atlántica destaca, pola súa situación, como un lugar debuxado pola inmensidade do océano, rudo, salvaxe, sen alteracións artificiais, onde o ser humano se fai insignificante ao seu carón.
Viaxeiros da época clásica como Plinio El Viejo, Paulo Orosio 385, Estrabón (64a.C) ou Floro (137-138a.C) facían referencia á dificultade da navegación nestas augas e os numerosos perigos que albergaban, pois crían tamén que non había máis alá deste lugar, só o abismo. Para os clásicos a nosa terra era zona de paso obrigada cara o norte, coa fin de aumentar os límites do seu coñecemento.
Xa a principios da Idade Media o tránsito marítimo diminuíu debido á presenza de viquingos, que saqueaban a miúdo as vilas costeiras do norte, razón pola que tamén se reduciron os naufraxios. Non foi ata finais desta época cando a cornixa atlántica galega se consolida como lugar de obrigado paso, con gran afluencia de buques ingleses que debían percorrer as nosas costas de camiño ás antigas colonias británicas. Segundo aumenta o tráfico marítimo aumentan tamén os naufraxios, destacando como lugar de gran perigo a parte norte de Camariñas.
A prensa británica non tarda en facerse eco dos tráxicos acontecementos, e tanto os medios como a literatura da época comezan a escribir sobre os desastres da navegación no lugar. O poema épico cabaleiresco Orlando furioso, de Ludovico Ariosto, nomea o Cabo Vilán como principal enclave de risco.
A prensa sensacionalista inglesa refírese á costa galega como un lugar atrasado, de pobreza económica e social, no que os habitantes se adicaban a saquear os pecios que aquí naufragaban. Aínda que certamente Fernando II, en 1168, lle outorga aos cidadáns a potestade de quedar coas mercadorías que chegaban á costa (Ius Naufragii), non é certo que aquí se practicase a piratería, como veñen desmentido os expertos. Tanto é así que as versións dos superviventes aos naufraxios o contradí. Foron os mesmos veciños os que rescataban aos mariñeiros e recuperaban os corpos dos falecidos en tan numerosos desastres marítimos.
Se ben é certo que existe un elevado número de naufraxios tamén debemos aclarar que moi probablemente a cifra vaia acorde ao gran número de buques que sucaban as augas galegas. Así mesmo hai que ter en conta a dificultade da contorna, que alberga escarpados cantís, numerosos baixos imperceptibles á vista, fortes ventos e temporais de inverno, e unha difícil visión debido á borraxeira tan típica do lugar. A isto súmase o descoñecemento da costa naqueles tempos e o factor humano que, xunto co climático, foron os responsables do número de mortes ocorridas aquí.
A costa camariñana foi unha das testemuñas principais destes acontecementos, pois é un dos lugares onde máis buques naufragaron. Entre os afundimentos podemos destacar tres, dos que falaremos a continuación, que tiveron unha gran relevancia na historia e recoñecemento na nosa terra.
Naufraxio do Iris Hull
O día 5 de novembro de 1883 encalla na Punta do Boi o barco inglés Iris Hull, nun día no que o mar non permitía á veciñanza proporcionarlle a axuda necesaria. Os nove náufragos que sobreviviron ás primeiras horas tiveron que pasar un día enteiro atados aos mastros do buque pedindo auxilio. Ante a desesperación da tripulación e impotencia dos veciños, que nada puideron facer, o capitán suicídase cortándose as arterias da gorxa. Dun total de 36 mariñeiros só un conseguiu salvarse.
Os cadáveres recollidos pola veciñanza foron enterrados no que máis tarde sería o Cemiterio dos Ingleses.
Naufraxio do Serpent
O naufraxio máis coñecido da historia de Camariñas cuxa repercusión chega ao xornal The Times, que valora a nosa costa como a máis perigosa do mundo.
O buque escola inglés Serpent afunde en Camariñas o 10 de novembro de 1890 arrastrado por un forte temporal que azoutaba a costa galega, estrelándose contra as pedras da costa norte da vila. Nesta ocasión faleceron 172 dos 175 mariñeiros que viaxaban nel. Foron tamén, como os do Iris Hull, sepultados na praia de Trece, no que xa sería oficialmente o Cemiterio dos Ingleses. O afundimento consolida o noso litoral como Costa da Morte.
Naufraxio do Trinacria
Acaecido no 1893 o Trinacria deixa 31 mortos dos 32 tripulantes totais. A traxedia aumenta a alarma das autoridades inglesas que reclaman medidas urxentes a España para protexer a navegación, feito que propiciou a construción do primeiro faro con luz eléctrica da península, o Faro Vilán.
Bibliografía
De Castro, Rosalía. (2005). La hija del mar. Akal
Lema, Rafael. (2011). Costa da Morte. Un país de sueños y naufragios. Grupo de acción costeira Costa da Morte.
Patricio Cortizo, Fernando. (2004). Historia da costa galega e os seus naufraxios. S. XX. Xerais
Webgrafía
www.elcorreogallego.es. 2021.Leyendas que esconden los naufragios de Costa da Morte. [en liña] Dispoñible en:
García, J., 2021.La leyenda de la Costa de la Muerte: Naufragios y faros como desencadenantes para la activación de un patrimonio marítimo. [en liña] Dialnet. Dispoñible en:
Victoria Amigo Méndez, Isabel Antelo Pazos e Denise Sambad Guillomía
Alumnas-Traballadoras
Obradoiro dual de emprego “CAMIÑO AO EMPREGO”
Especialidade de promoción turística local e información ao visitante