Presentación

https://rutadelosnaufragios.com/wp-content/uploads/2013/09/4-Premio-4º-semana-XURXO-RODRIGUEZ.jpgPresentación

Coa cofinanciación da Deputación de A Coruña o Concello de Camariñas confecciona esta ruta que emprega as novas tecnoloxías e a realidade aumentada para sinalizar e dotar de contidos algúns dos puntos de maior sinistrabilidade na navegación.

Os naufraxios forman parte da historia e do imaxinario da Costa da Morte, zona do noroeste galego que ademais de ser xeodestino turístico, conta coa protección da Rede Natura “Costa da Morte” grazas aos seus valores medio ambientais e aos seus ecosistemas valiosos e singulares.

Camariñas ten un lugar central na historia da Costa da Morte e especialmente na historia dos naufraxios. Así o testemuña o faro Vilán- referente na historia da navegación ademais de ser o primeiro de España en empregar a luz eléctrica- e os máis de medio centenar de naufraxios acontecidos na costa deste concello.

Nada mellor que o imaxinario e o conto, para resumir de forma amena parte dos referentes históricos sobre estes naufraxios. Polo que a ruta ofrece audiorelatos nos que se xuntan  feitos históricos coas lendas e se poden escoitar, grazas á tecnoloxía da Realidade Aumentada, fronte ao mar.

Para facer esta ruta ponse varios recursos a disposición dos visitantes ou persoas interesadas:

  • Realidade Aumentada. Ferramenta para descargar  información, imaxes, audios e datos, dende dispositivos móbiles in situ. Permite visualizar no dispositivo móbil a realidade e superpoñer unha capa con elementos dixitais que ofrece información sobre os naufraxios.
  • Blog “Ruta dos naufraxios de Camariñas”. Coa información sobre cada un dos fitos, audios e outra información que facilita a visita a Camariñas.

Os que visiten a nosa costa encontrarán  fitos de referencia que lle ofrecen unha experiencia única envolta con información, imaxes e relatos sobre a solidariedade, o pillaxe, a historia, a situación, a cultura e a experiencia dos nosos homes e as nosas mulleres nestes naufraxios que  afectaron a moitas vidas e á historia da navegación; que enlazaron culturas, mitos, lendas, vidas humanas e contextos sociopolíticos e económicos ben dispares.

Como a néboa, a borraxeira ou a tempestade todas estas historias humanas quedan envoltas nun misterio que agora podes descobrir na nosa fermosa e brava costa de lenda.

Manuel V. Alonso de León.

Alcalde de Camariñas (A Coruña)