Naufraxios e gatos de navío

Os expertos datan a domesticación de gatos cara o 4000 a. C. no Antigo Exipto, comezando a levalos a bordo nas embarcacións a través do Nilo co obxectivo de cazar nas pantanosas beiras do río os paxaros que por alí habitaban.

Pasado o tempo, foron utilizados en navíos mercantes para controlar aos roedores, e así a utilidade primixenia mudou, e acabaron sendo adoptados por mercadores doutras vilas do Mediterráneo oriental. Crese que os navíos de carga fenicios foron os primeiros en levar gatos domesticados ao sur de Europa, ao redor do ano 900 a.C. A partires dos séculos XV e XVI as viaxes de comercio e exploración marítimas conseguiron a dispersión dos gatos polo mundo.

Os gatos foron embarcados en navíos por razóns prácticas, sendo a máis importante a caza de ratos, que non só causaban danos ao material e á carga do barco, senón que tamén, e o que é máis importante, ameazaban a saúde da tripulación ao devorar as provisións transmitindo enfermidades. Hoxe en día aínda segue sendo frecuente o uso dos gatos en embarcacións comerciais e algunhas militares.

Como xa indicamos anteriormente, os gatos de navío xeralmente son gatos comúns utilizados para combater as pragas, ademais de ofrecer compaña aos mariñeiros nas súas longas xornadas lonxe do fogar. Esta casuística fai que as veces nos atopemos con algunha que outra anécdota que ata semella cómica, e máis concretamente no caso da Costa da Morte, que a pesar das moitas desgrazas ocorridas ao longo dos anos, non deixa de sorprendernos con historias curiosas.

Imaxe: Gato Simón (Royal Navy). Autor: Urban Pets.

Imaxe: Gato Simón (Royal Navy). Autor: Urban Pets.

O gato capitán

Conta José Baña Heim no seu libro “Costa de la muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios” que un día de 1945 de forte temporal aos pés da costa de Camariñas, un barco con bandeira española chamado O Compostelano e construído nos estaleiros que estaban sitos no lugar da Gardiña, tivo que ser fondeado e abandonado no porto de Corme pola tripulación que conseguiu chegar ata o peirao en botes.

Mais ao pouco tempo, as cadeas de fondeo racharon a causa dos fortes refachos de travesía que azoutaban a costa aquel día, quedando a súa sorte. Durante horas foi á derive pola ría de Laxe, esquivando os escollos da barra, pasando por Canduas e, Allóns arriba, finalmente chegando dunha peza ata a Telleira onde encallou nun baixo de area na praia de Cabana. A xente da contorna, que observaba aquela “perfecta manobra”, preguntábase: ¿Quen vai manexando ese barco? O sorprendente desta historia é que no seu interior só se atopaba un gato.

Como curiosidade dicir que aínda que nesta travesía O Compostelano salvouse milagrosamente, por desgraza o 29 de Outubro de 1946 en Peniche, o barco naufragou, pero nesta ocasión non ía capitaneado polo gato.

Para mariñeiros nós…

Non só os felinos son protagonistas de historias de naufraxios na Costa da Morte senón tamén outro tipo de animais coma loros, cans… aos que imos lembrar nos seguintes parágrafos:

En primeiro lugar, unha anécdota curiosa é a do naufraxio do “Oscar” en Corme en 1899, onde un loro e un gato foron rescatados por un mariñeiro que salvou a súa vida e a dos que estimaba como unha parte máis da tripulación.

Por outra banda, destacamos a labor dun polbo que nos traballos de despezamento do Serpent axudaba aos expertos buzos de Camelle, como localizador de moedas de ouro pertencentes ás guerreiras dos oficiais ingleses.

Os cans tamén teñen un papel importante na historia dos naufraxios na nosa costa, a destacar a figura do “can raqueiro” compañeiro do mercador Alfredo Noia coñecido por descubrir fardos de teas francesas do mercante Nil. Tamén conmovedora a historia do can do capitán Murray do Tinacria, que en 1893 rescatou do mar o cadáver do seu amo e non quixo abandonar a súa tumba no cemiterio dos ingleses.

Estas son algunhas das moitas historias que agocha A Costa da Morte, lugar de lendas e contos, na que tanto animais como persoas formarán parte da nosa historia para sempre.

Documentación:

Webgrafía:

http://www.xn--morriadeloenxebre-jxb.com/2020/01/naufragios-en-la-costa-da-morte.html
http://recorridosdacostadamorte.blogspot.com/2010/

As lendas do Camiño dos Faros de Rafael Lema

“A Costa da Morte es el gran cementerio marino atlántico”

El libro blanco de la leyenda negra de la Costa da Morte


https://foro.todoavante.es/viewtopic.php?f=177&t=7462
https://www.elmundo.es/elmundo/2012/02/05/galicia/1328446447.html
https://es.wikipedia.org/wiki/Gato_de_barco

Bibliografía

Allegue Martínez, R., & Allegue Barreiro, R. (1996). Mar tenebroso. A costa da morte do sol. Gamesal.

Mª Trinidad Romero Campaña
Alumna-Traballadora
Obradoiro dual de emprego “CAMIÑO AO EMPREGO”
Especialidade de promoción turística local e información ao visitante
banda de logos